
Centros de FP de Vigo, A Coruña, Ferrol, Burela, Lugo, Monforte e Ourense proclámanse vencedores dos retos da primeira edición de Innovatech FP
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, presidiu hoxe a entrega de premios da primeira edición do certame InnovaTech FP a centros de Vigo, A Coruña, Ferrol, Burela, Lugo, Monforte de Lemos e Ourense, un programa que sinalou como “revolucionario para o apoio da formación tecnolóxica e dixital dos futuros profesionais, ao tempo que redunda positivamente no tecido produtivo”.
O titular do departamento educativo galego explicou que o programa naceu este curso para poñer de manifesto a importancia de responder ás necesidades reais do tecido produtivo apoiándose na innovación tecnolóxica e no emprendemento, retando aos estudantes a resolver as propostas das empresas. “As propostas premiadas son pioneiras e un exemplo do gran potencial que atesoura a nosa FP para contribuír a dar un salto de calidade tecnolóxico e innovador ao tecido produtivo galego”, destacou.
Román Rodríguez puxo tamén en valor a importancia do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros como polo tractor das iniciativas xurdidas ao abeiro do programa. De feito, poranse a disposición do alumnado as instalacións e medios materiais humanos do centro para facilitar o desenvolvemento destes proxectos avanzados no eido tecnolóxico e industrial e a transferencia de coñecemento aos sectores produtivos.
Mellores proxectos
InnovaTech FP dirixiuse a centros públicos de FP con dinámica de investigación, innovación e emprendemento, e que contan con viveiros de empresas ou aulas de emprendemento. Os participantes, organizados en equipos multidisciplinares e cunha distribución equitativa de xénero, tiveron que afrontar a solución de 10 retos tecnolóxicos presentados por distintas empresas referentes da nosa comunidade, e cuxas solucións deberán ter un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural así como no fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
Os centros con iniciativas premiadas, dotadas cada unha con 10.000€ para o desenvolvemento do proxecto, son os que se reflicten na táboa. Entre os 10 centros premiados, seleccionouse a maiores ao CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo en resposta ao reto plantexado por Viaqua, como premio especial.
InnovaTech FP enmárcase na Estratexia de FP Galicia 2030 e no Plan Innova FP Galicia e desenvolverase entre o presente curso 2023-24 e o próximo 2024-25, ao longo dos cales mobilizaranse máis de 2.000 alumnos e 400 profesores de 100 centros de FP, o que suporá un investimento de 1,5M€ neste período. Nesta primeira edición participaron 85 centros e arredor de 800 alumnos.