
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, amosa aos visitantes o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, en Ourense. Os docentes participantes acudiron a cinco centros máis ata o xoves en Lugo, Pontevedra, Santiago e A Coruña para descubrir a oferta educativa da Xunta
Unha delegación de 31 docentes procedentes de toda España, participantes no proxecto FP Innovación, visitaron onte o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional CGIFP Eduardo Barreiros acompañados pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez e a directora do CGIFP Marta Vázquez Guzmán. A súa estadía en Galicia ten como fin coñecer o modelo de éxito da Formación Profesional galega.
A delegación, composta polos responsables de Aulas de Emprendemento das comunidades de Andalucía, Cataluña, Canarias, Comunidade Valenciana e Murcia, ademais de Ceuta, descubriu de primeira man o funcionamento do modelo galego, un referente ante a sociedade española debido ás posibilidades de innovación e colaboración entre os ámbitos educativo-formativo e produtivo para o desenvolvemento de novas capacidades nas empresas, aproveitando o capital humano e a experiencia dos centros galegos de Formación Profesional. “É un orgullo poder compartir cos compañeiros de toda España o noso sistema e a nosa gran oferta educativa”, sinalou a representante da Consellería de Educación.
Esta visita, que se prolongou ata o xoves, enmárcase no proxecto FP Innovación que realiza diferentes actividades onde se fomentan as competencias técnicas, dixitais e transversais, poñendo o foco en formar e informar de xeito integral ao alumnado e ao profesorado de Formación Profesional de toda España. O proxecto desenvolve diferentes accións enfocadas na formación, actividades experienciais, asesoramento e aplicacións de novas tecnoloxías coa intención de trasladar coñecementos, ferramentas e recursos ao ecosistema educativo. O obxectivo final é apoiar o crecemento e o benestar da comunidade de centros, docentes e alumnado deste ámbito.