A Presidenta da Fundación Eduardo Barreiros, Mari Luz Barreiros, filla do lendario emprendedor ourensán Eduardo Barreiros, visitou no día de hoxe o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Centro Eduardo Barreiros
Nesta visita, Mari Luz Barreiros, que chegou acompañada da Directora da Fundación Eduardo Barreiros, Ana Ramos, coñeceu as distintas áreas de traballo do centro, así como os diversos proxectos de innovación que se están a desenvolver no CGIFP. Mari Luz Barreiros sinalou durante a visita a “importancia dos técnicos de FP para as novas profesións, así como a utilización da última tecnoloxía para formar a traballadores cualificados”. A presidenta da Fundación Eduardo Barreiros tamén incidiu na “importancia de potenciar as capacidades innatas dos alumnos, como base para a felicidade e a satisfacción profesional”.
Recordo a Eduardo Barreiros
Durante a visita á Area de Enerxía e Sustentabilidade Ambiental, onde se desenvolve o proxecto “Favegal” do vehículo eléctrico, houbo tempo para o recordo do excepcional emprendedor ourensán Eduardo Barreiros, momento no que Mari Luz Barrreiros sinalou que o seu pai “estaría tremendamente orgulloso do CGIFP, xa que tiña un amor tan intenso a Galicia, que pensar que unha entidade de esta magnitude está en Ourense encheríao de felicidade”.
Tamén aproveitou para destacar que xa nos anos 60, o seu pai “entendía a contaminación e a escaseza de gasolina, por iso ademáis da transformación de motores gasolina a diésel, explorou outras opcións como o motor de auga”, un proxecto que non chegou a finalizar.
Reunión de futuro
A Directora do CGIFP, Marta Vázquez, e a Directora Xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez explicaron durante a visita as liñas de investigación que se están explorando no CGIFP e presentaron os proxectos máis representativos das distintas familias de FP nos que se está a traballar da man dos centros educativos. A xornada rematou cunha reunión institucional que serviu para explorar liñas de colaboración conxuntas en relación á innovación industrial e á automoción, así como para destacar a importancia do sector produtivo e industrial como eixe de oportunidades laborais para os futuros traballadores da FP.