arriba
GAL
ESP ENG
  |     


PortadaseparatorNoticiasseparatorGalicia comparte con Andalucía o seu modelo de FP e innovación educa...


Galicia comparte con Andalucía o seu modelo de FP e innovación educativa


Martes, 23-Xaneiro-2024
Galicia comparte con Andalucía o seu modelo de FP e innovación educativa - Foto

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a súa homóloga andaluza, Patricia do Pozo, visitan o CGIFP Eduardo Barreiros e o Centro de Innovación Educativa e Dixital

 

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a conselleira de Desenvolvemento Educativo e FP da Junta de Andalucía, Patricia do Pozo, visitaron onte os dous centros de referencia da Formación Profesional e da innovación educativa en Galicia: o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, en Ourense, e o Centro de Innovación Educativa e Dixital, na Cidade da Cultura.

Deste xeito, Galicia mostrou á delegación andaluza o seu modelo nestes ensinos. Non en balde, o departamento educativo do Goberno andaluz viaxou á nosa Comunidade para coñecer as políticas educativas en xeral e, en particular, nestes dous ámbitos. De feito, tal e como explicou a conselleira, Andalucía está a traballar na posta en marcha dun centro similar ao Eduardo Barreiros.

No transcurso da visita, os dous conselleiros coincidiron na necesidade de seguir impulsando o avance dos ensinos de FP, que se consolidaron nos últimos anos como un referente de calidade, innovación e empregabilidade e xeran unha enorme confianza nos sectores produtivos. Neste sentido, fixeron un chamamento ao Goberno central para que dea ánimo ao desenvolvemento normativo da nova lei de FP, tendo en conta que aínda está por determinar todo o relativo aos novos currículos, que acumulan un enorme atraso por parte do Ministerio.

 

Proxectos no Eduardo Barreiros

Román Rodríguez e Patricia do Pozo coñeceron os diferentes proxectos e iniciativas que se están desenvolvendo nas catro áreas do Eduardo Barreiros: Innovación Aplicada, Emprendemento Industrial, Formación de Alta Especialización e Comunicación Estratéxica e Internacionalización.

En concreto, están en marcha neste espazos proxectos ao redor da economía circular do ciclo da auga, da enogastronomía, do abastecemento do vehículo eléctrico, de fomento de robots de utilidade ambiental e de realidade estendida aplicada á FP. Tamén de metodoloxías innovadoras e áxiles para a aprendizaxe do inglés ou de deseño e fabricación de vestiario e novos materiais para mellorar as condicións de confortabilidad no mundo das artes do mar e técnicas de marisqueo, dando protagonismo á muller.

Así mesmo, a delegación andaluza interesouse polo programa de formación de alta especialización para docentes de FP que se imparte neste centro, con 96 cursos multidisciplinares, e polo InnovaTech FP Galicia, a través do que os alumnos se enfrontan á resolución de dez retos tecnolóxicos expostos por empresas, cuxas solucións deberán xerar un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural.



 

Este sitio web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a tua experiencia de usuario, gardando preferencias, seccions visitadas, ..., co fin de ofrecer contidos adaptados ós intereses do usuario. Se continuas navegando por esta web consideramos que se asume e acepta o seu uso.
«Ver a nosa política de cookies» | «Máis información sobre as cookies». Calqueira dubida ou suxerencia podes usar a nosa «sección de contacto.».

PECHAR