arriba
GAL
ESP ENG
  |     


PortadaseparatorNoticiasseparatorA Fundación COTEC presenta o seu estudo sobre innovación pública en ...


A Fundación COTEC presenta o seu estudo sobre innovación pública en educación


Martes, 5-Decembro-2023

A Fundación Cotec, en colaboración con Rede2Rede, publica un estudo sobre a aplicación de ferramentas propias da innovación pública no ámbito educativo

  • O documento recolle experiencias nacionais, rexionais e locais de 40 países.
  • Este estudo presentouse hoxe no Centro Galego da Innovación da FP (CGIFP), en Ourense coa participación da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, a directora do CGIFP, Marta Vázquez e a presidenta de Cotec, Cristina Garmendia.


Un estudo publicado hoxe no CGIFP pola Fundación Cotec para a innovación destaca a importancia da innovación pública no deseño de políticas educativas. Este traballo, elaborado en colaboración con Rede2Rede, expón como a innovación educativa, tradicionalmente centrada na aula, pode ser impulsada desde unha perspectiva sistémica pola Administración Pública. O documento recolle 28 casos prácticos que, utilizando ferramentas de innovación pública, definiron distintas políticas en educación.

 

Das experiencias recollidas no estudo tres son proxectos desenvoltos España, catro engloban aos países da UE, ademais de iniciativas que van desde Australia, India, Finlandia, ata México, Perú ou Guatemala. Os tres proxectos de España destacados no documento son Edugalia (Galicia), os Centros de Intervención Educativa Diferenciada (Aragón), e Menttores, un proxecto piloto desenvolto en Madrid e Cataluña.

 

A innovación pública refírese ao conxunto de prácticas mediante as que o sector público mellora de forma significativa a súa organización, os seus procesos e servizos.

O documento Innovación pública no deseño de políticas educativas: cara a un sistema educativo innovador presentouse esta mañá nun evento no Centro Galego de Innovación da Formación Profesional de Ourense (CGIFP), que reuniu a máis de 100 asistentes presenciais e en liña. No acto interveu a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, a directora do CGIFP, Marta Vázquez e a presidenta de Cotec, Cristina Garmendia, entre outros expertos que compartiron experiencias de innovación pública recollidas no estudo.

 

Sobre o percorrido do estudo, Cristina Garmendia comentou que o reto agora “é impulsar que outras administracións educativas decidan explorar estas ferramentas para ofrecer solucións disruptivas aos novos e vellos desafíos aos que se enfronta o noso sistema educativo, porque a innovación educativa non só prodúcese na aula”. Das ferramentas contempladas no estudo, Garmendia quixo destacar a Compra Pública de Innovación “na que Galicia foi pioneira”, poñendo como exemplo o Hospital de Ourense como “un dos beneficiarios dos primeiros programas de CPI en España”, explicou.

 

Pola súa banda, Patricia Argerey, falou da transversalidade da innovación e o seu papel no deseño de políticas públicas e concretou que: “A educación ten retos importantes e un ritmo vertixinoso e na innovación imos atopar respostas para mellorar o sistema”.

 

Con este traballo, Cotec pretende ofrecer unha primeira aproximación en materia de innovación pública centrada en educación. “Existe unha falta de converxencia entre as cada vez máis numerosas innovacións educativas que están a ter lugar nos centros -innovacións de carácter pedagóxico e organizativo-, e a ausencia dunha estrutura que favoreza e impulse procesos de innovación no propio sistema educativo”, resalta o documento. Esta diverxencia, segundo apunta o estudo, podería producirse polo descoñecemento deste tipo de ferramentas por parte dos xestores públicos, a polarización ideolóxica das políticas educativas, así como a falta de sistematización e cultura de avaliación no ámbito educativo.

 

O traballo céntrase nos tres eixos principais de innovación pública: innovacións desde a demanda, innovacións organizativas e xurídicas, e a incorporación de evidencias e experimentación. As áreas de menor presencia no deseño de políticas educativas son a Compra Pública de Innovación (do eixo de innovacións desde a demanda), a economía do comportamento (do eixo de evidencias e experimentación) e os procesos de innovación organizativa e xurídicas. Pola contra, os procesos máis utilizados identificados no estudo son a incorporación de evidencias e os procesos de participación.


A Fundación COTEC presenta o seu estudo sobre innovación pública en educación - Foto 1
A Fundación COTEC presenta o seu estudo sobre innovación pública en educación - Foto 2
A Fundación COTEC presenta o seu estudo sobre innovación pública en educación - Foto 3


 

Este sitio web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a tua experiencia de usuario, gardando preferencias, seccions visitadas, ..., co fin de ofrecer contidos adaptados ós intereses do usuario. Se continuas navegando por esta web consideramos que se asume e acepta o seu uso.
«Ver a nosa política de cookies» | «Máis información sobre as cookies». Calqueira dubida ou suxerencia podes usar a nosa «sección de contacto.».

PECHAR