
O vindeiro venres 1 de Decembro realizarase a xornada inaugural do programa InnovaTech FP no CIFP Universidade Laboral de Culleredo
Despois de finalizar a fase previa de inscrición dos equipos que representarán aos centros educativos participantes no InnovaTech FP, este novedoso programa avanza cara a fase definitiva cunha xornada de lanzamento na que as empresas participantes presentarán os distintos retos propostos, e coñeceremos a composición dos equipos que defenderán as súas propostas de resolución. Os centros educativos participantes asistirán a esta xornada para que os seus equipos reciban unha formación previa en innovación, e para dar a coñecer os retos aos que queren facer fronte neste programa que terá diversas fases ata o mes de Xuño de 2024.
O Conselleiro inaugurará a Xornada
Nesta xornada de lanzamento o Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, realizará a inauguración dando a benvida a todos os participantes e ás empresas que propoñen os retos. Posteriormente será a quenda da presentación dos retos por parte das empresas, analizando as particularidades de cada proposta.
Formación para os participantes
Finalmente, os equipos participantes recibirán unha formación en innovación para adquirir ferramentas e capacidades que os axuden a solucionar os retos propostos. Esta formación estruturarase en dúas partes: ponencia e dinámica. A ponencia terá como título "Persoas que cambian o mundo", e o encargado de realizala será Miguel Ángel Llorente García, CTO e cofundador de iAR, Enxeñeiro informático e Máster en intelixencia Artificial e Deep Learning. Por outra banda, e para finalizar o evento, está prevista unha dinámica de innovación sobre a Alfabetización Dixital a cargo de Raquel Pedrouso Carreira, Coach executiva de Evolutia Consulting. Esta dinámica pechará a xornada e axudará aos equipos a acadar novas habilidades e coñecementos cos que afrontar os retos propostos.
Máis info: PREME AQUÍ


