Ricardo Jesús Vela, de 3DZ Galicia, impartiu unha xornada práctica no CGIFP sobre escaneo intelixente 3D.
O Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros acolleu o pasado martes 5 de setembro unha nova acción formativa relacionada co emprego de escáneres 3D intelixentes e a súa aplicación na industria. Un grupo de 15 docentes da especialidade de fabricación mecánica visitaron as instalacións do CGIFP para recibir unha xornada formativa de ámbito técnico que se desenvolveu na área de fabricación aditiva do centro.
A actividade, titulada "Escaneamento 3D sen fíos", contou coa presenza como relator de Ricardo Jesús Vela, de 3DZ Galicia, quen impartiu unha sesión formativa na que se explicaron as diferentes utilidades do escaneo 3D, os seus posibles encaixes na docencia así como diferentes aplicacións de software 3D. A xornada incluíu unha parte práctica na que os participantes puideron empregar un escáner 3D e aplicar o escaneo a diferentes obxectos, incluíndo persoas, experimentando os coñecementos adquiridos neles mesmos ao mesmo tempo que utilizaban o software de escaneo 3D para realizar diferentes proxectos de modelado.