Docentes do CIFP Ánxel Casal recibiron unha formación relacionada con metaverso sanitario.
Na xornada de hoxe desenvolveuse no CGIFP Eduardo Barreiros a formación "Deseño e aplicación da realidade virtual en centros de excelencia da familia profesional de sanidade”, que tivo como eixe o metaverso sanitario e a súa aplicación a nivel profesional e didáctico. A acción formativa contou coa presenza do profesorado do CIFP Ánxel Casal da Coruña, centro no que se imparten ensinanzas da rama sanitaria, entre outras, podendo experimentar con diferentes plataformas de AR e RV.
Esta actividade, incluida dentro das accións de Formación, Perfeccionamento e Mobilidade do profesorado de Formación Profesional, deseñouse cunha aplicación eminentemente práctica, desenvolveuse na área de experiencias inmersivas do CGIFP onde mediante a experimentación e o xogo amosouse o emprego das Holo-lens e outras ferramentas e a súa aplicación no contexto sanitario. Unida á formación práctica, complementouse este curso cunha charla onde se expuxeron os retos do sector sanitario e as melloras que se poden aplicar co emprego da tecnoloxía inmersiva e de realidade virtual e aumentada.