O control de calidade nas láminas de aceiro de alto espesor e grandes dimensións é un proceso crítico na industria metalúrxica, xa que pequenos defectos poden comprometer a resistencia estrutural e a seguridade das pezas finais. Os métodos de inspección manual son lentos e pouco precisos, polo que a automatización mediante visión artificial representa unha oportunidade de mellora substancial.
O reto consiste en adestrar un sistema de visión artificial capaz de detectar, identificar e localizar defectos en chapas ou placas de aceiro procedentes do proceso de laminado. As tarefas inclúen a análise e caracterización das tipoloxías de defectos a partir de imaxes, o desenvolvemento de algoritmos de detección e a optimización da xestión de informes xerados a partir do procesado de múltiples imaxes.
O obxectivo é obter un sistema automatizado e fiable que incremente a precisión na detección de defectos, reduza tempos de inspección e mellore a trazabilidade e calidade do produto final.